-
Unha provincia tantas veces esquecida como é Ourense, ben merece un recuncho cibrenético nesta bitácora para o seu recordo. Enclavada na rexión mais ó sur de Galicia non pasa por se-la que mais turistas e viaxeiros atrae nin a que mais loubanzas e olladas recibe mais aló das suas fronteiras pero tamen é certo que aquél que as coñece queda, sen remedio, embruxado para sempre polo meigallo destas terras de verdor intenso e pedras ancestrais.
Din os canticos populares que Ourense é un sentimento que se leva, se leva, moi adentro, que se leva moi preto de corazón. E moito de certo teñen estas verbas do pobo que ante este grande apegamento emocional coa terra que os viu nacer, tornaron en inventar un sentimento que deron en chamar morriña para definir ese afliximento, desacougo, inquedanza e saudade que os galegos sentimos cando estamos lonxe. É entón, cando das meniñas dos ollos mais espertos esbaran silandeiras, bagoas enfeitizadas de nostalxia dibuxando un percorrido impreciso e truculento polas meixelas e enrugas dos rostros daqueles que por unhas ou por outras, un día, tiveron que marchar. Ben sabe Deus, que non hai amencer nin atardecer no que non se lembren da súa orixe e no que non alimenten con paixón o seu desexo de voltar, se cadra, algún día non tan lonxano.
A imaxe que ilustra estas palabras de lembranza para unha provincia esquecida é a do protagonista habitual das viñetas que o dibuxante e caricaturísta Xosé Lois publica diariamente no xornal mais lido polos ourensáns, La Región: o noso querido e estimado Carrabouxo, que fica coa súa figura, de mais de dous metros de altura na parte superior do Parque de San Lázaro, escuálida e aletargada, polo paso dos anos, erguida e co seu xornal sempre en alto impasible ante a choiva abundante, o frío mais glacial do inverno, os raios do sol dos infernais veráns ourensáns ou o orballo das mañas mais melancólicas do outono. Sempre en pé camiñando entre nos e mirando de esguello para que non esquezamos nunca os que de alí somos que Ourense é un sentimento.
08 diciembre 2007
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario